Lingua muisca

Muisca
Muysccubun
Pronuncia:mʷɨskkuβun
Outros nomes:Chibcha ou muysca
Falado en: Colombia
Rexións: Altiplano Cundiboyacense
Extinción: c. 1800[1]
Familia: Americana
 Chibcha
  Chibcha–Motilon
   Chibcha–Tunebo
    Muisca
Escrita: numeración muisca
Códigos de lingua
ISO 639-1: --
ISO 639-2: chb
ISO 639-3: chb
Mapa
Status

O muisca ou chibcha[2] é unha lingua extinta da familia chibcha de Colombia, falada historicamente polo pobo muisca, unha das catro civilizacións indíxenas de América. Os muiscas habitaban nas terras altas centrais (Altiplano Cundiboyacense) do que hoxe se coñece como Colombia. O nome da lingua, muysccubun ou muyskkubun na súa propia lingua significa "lingua do pobo" ou "lingua dos homes", de muyska / muysca ("xente" ou "home") e kubun / cubun ("lingua" ou "verba").[3] O termo chibcha quere dicir "mira, home!".[4]

En 1580, debido ó gran número de falantes, foi declarada lingua xeral do Novo Reino de Granada. Creáronse cátedras de Lingua Xeral en Santa Fe onde se ensinaba a lingua muisca ós sacerdotes que debían evanxelizar os indíxenas dos «vales de Bogotá e Tunja», epicentros dos seus dous principais dialectos. A lingua muisca é coñecida grazas ás crónicas e as "fontes primarias da lingua muisca", cinco documentos de corte lingüístico de finais do século XVI e comezos do século XVII por misioneiros das ordes dominica e agostiña co único obxectivo de evanxelizar os indíxenas muiscas. Isto supuxo a aparición de gramáticas, catecismos e vocabularios, como os manuscritos e outros impresos de Juan de Castellanos, Bernardo de Lugo, José Domingo Duquesne e Ezequiel Uricoechea, que permitiron a filólogos e lingüistas do século XIX achegarse a unha lingua extinguida oficialmente a raíz da Real Cédula de Carlos III, que ordenou o 16 de abril de 1770 o ensino do castelán como lingua oficial do Imperio. Porén, dende moito antes a lingua muisca deixara de falarse nalgúns lugares do altiplano, como proba o feito de que en Tabio, o 17 de marzo de 1751, o Fiscal Protector Juan Antonio Peñalver fixo unha visita a dito concello e ó seu agregado Subachoque, pregoando na praza «por voz de lingua española por non falarse xa a dos indios».[5]

  1. multitree.org (ed.). "Muisca en Multitree". Consultado o 26 de febreiro de 2017. 
  2. Entrada chibcha en Digalego
  3. (en castelán) Quick guide muysccubun Arquivado 27 de decembro de 2017 en Wayback Machine.
  4. (en castelán) Fómeque, cinco siglos de progreso: 1500-2003, p.3
  5. R. de Montes, María Luisa. «Muisquismos en Colombia» (Academia Colombiana da Lingua, Vigía del Idioma, No. 8, xullo de 2005, Bogotá), p. 2

Developed by StudentB